Tuesday 14 de May de 2024

A Deputación suma o libro “Manuel Patinha” á súa colección de “Grandes Pintores”


Preto de cincuenta representantes das artes plásticas da provincia arrouparon a Manuel Patinha na presentación dun libro que Calvo sinalou como “tremendamente esperado”

A sede da Deputación da Coruña acolleu o acto de presentación do libro “Manuel Patinha”, editado dentro da colección de Grandes Pintores e en cuxa elaboración participaron, entre outros, Eva Ocampo Vigo, Pedro Taboada Martínez e María Fidalgo Casares.

O acto estivo presidido polo titular da institución provincial, Diego Calvo, que foi o encargado de introducir o porqué da publicación desta obra: “Ante un creador tan versátil e fértil, con achegas nacidas, como el mesmo di, desde o máis profundo da súa sangue, nesta Deputación tivemos sempre claro que Manuel Patinha se merecía un espazo na nosa colección de Grandes Pintores”.

Nun emotivo encontro ao que asistiron preto de cincuenta artistas, compañeiros de Manuel Patinha e representantes das artes plásticas da provincia, Calvo asegurou que a obra do debuxante-grabador-pintor-escultor-poeta-autodidacta é difícil de catalogar. Porque, apuntou, “é ampla, variada, extensa e singular en cada un dos campos que toca”, nos que sen embargo mantén “unha coherencia digna de salientar nuns tempos nos que a expresión artística atópase cuestionada ante o que moitos interpretan como un excesivo mercantilismo”. Neste senso, agradeceu ao creador afincado actualmente en Monte Curuto “esa liberdade” que demostra en cada unha das súas obras.

Todos os participantes na presentación (acompañaron ao artista Eva Ocampo e Pedro Taboada) coincidiron en destacar a influenza que exerceron na obra de Patinha os seus “mecenas”, ese matrimonio naronés formado por Álvaro e Divina que, de xeito desinteresado e cando o artista sufriu un duro revés persoal, acollérono na súa casa e déronlle o que máis desexa un creador: un espazo onde traballar.

Así, a lembranza de Álvaro García Acción, recentemente falecido e a quen vai dedicado o libro, foi unha referencia constante durante toda a presentación dunha obra que, segundo Eva Ocampo, “recolle toda a traxectoria vital e artística dun home prolífico como poucos”.

Pola súa banda, Manuel Patinha mostrouse agradecido á Deputación pola publicación deste libro, elaborado a partir de seis grandes eixos: Reseña Bibliográfica, Patinha Pintor, Patinha Escultor, Escultura Pública, Escultura conmemorativa do 800 aniversario da Catedral de Santiago, Currículum e Textos en Portugués.